Por qué unhas Xornadas?

As IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense son unha mostra da consolidación dos proxectos sociais, culturais e ecoloxistas que se levan a cabo na cidade de Ourense. A Esmorga, Amarante, Amigos da Terra, Semente e Verdegaia presentan, durante 10 días de festa e reflexión colectiva, o traballo realizado conxuntamente ao longo de todo o 2009 e comezos de 2010 para que sexan cada vez máis visibles, para que cada vez teñan máis voz, proxectos alternativos centrados no compromiso coa xustiza social e ecolóxica.

Un ano máis, as Xornadas de Agroecoloxía ofrecen achegármonos, se cadra un pouco máis, ao mundo que todas/os desexamos: un mundo no que actuemos de forma activa contra un modelo de produción agrícola e gandeiro intensivo e aberrante, potenciado por intereses económicos e comerciais insensibles a calquera consideración de saúde pública, de benestar animal ou de respecto ao medio natural.

A Agroecoloxía é unha ferramenta cun enorme potencial transformador da sociedade na que vivimos, porque se asenta nas relacións de confianza entre o colectivo que produce e o que consome, substituíndo as relacións meramente comerciais entre elas/es, ademais de potenciar a/o pequena/o productor/a local. Impulsar este sector poñería freo á expasión das grandes superficies comerciais apoiadas na política do consumo insustentable.

Retomando o modelo de financiamento das anteriores edicións das Xornadas, dende a organización optamos por traballar por un evento autoxestionado, que busca sustentarse nas diferentes actividades lúdicas que se organizan. Contamos, ademais, coa colaboración artística de destacadas figuras culturais galegas. Este compromiso de autoxestión constitúe unha aposta pola independencia e o fortalecemento das redes sociais como motor da cidadanía.